Friday 26 de April de 2024

O Concello habilita desde o luns 13 as solicitudes de acceso ás vivendas de alugueiro social cedidas pola SAREB


• As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do rexistro municipal. As follas de solicitude estarán dispoñibles na entrada do consistorio.
• As condicións, os requisitos, o procedemento de adxudicación e o réxime de uso dos domicilios están regulados a través dunha ordenanza municipal. A taxa mensual será de 150 euros e non se esixirá fianza.

O Concello de Miño habilitará as solicitudes de acceso ás once vivendas para alugueiro social cedidas en convenio pola SAREB a partir do luns 13 de setembro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do rexistro municipal. As follas de solicitude estarán dispoñibles na entrada do consistorio.

As condicións, os requisitos de acceso ou o procedemento de adxudicación e o réxime de uso destes domicilios están regulados mediante unha ordenanza municipal accesible a través da Sede electrónica de Miño ( https:// bit. ly/38 N8 BzN).

Así, a taxa mensual está estipulada en 150 euros a pagar por anticipado nos cinco primeiros días de cada mes, e non se esixe o pago de fianza. Os inquilinos deberán abonar os gastos e consumos orixinados como consecuencia da utilización da vivenda.

Esta iniciativa, como lembrou o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, “ é un proxecto pioneiro en Galicia e unha nova aposta do goberno local por potenciar as políticas sociais”. “ Coa nosa chegada ao Concello atopámonos un caos de vivendas baleiras que, grazas a este convenio asinado coa SAREB e ao traballo do noso equipo, conseguimos que revertise para ou ben público”, engadiu.

Requisitos de acceso
Lembramos que os requisitos de acceso ás vivendas de alugueiro social son ser maior de idade, acreditar a residencia en Miño durante un período de polo menos 6 meses con anterioridade á data de solicitude, non ser titular dunha vivenda en todo o territorio nacional e non superar os ingresos máximos establecidos na ordenanza. O prazo de ocupación do inmoble será dun ano, podendo prorrogarse por prazos anuais ata os 3 anos e, posteriormente, ata os 5 anos.

No caso da vivenda de emerxencia social os requisitos que se deben cumprir son: falta efectiva de recursos económicos e patrimoniais cos que paliar de forma inmediata a necesidade de vivenda e non ser titular nin dispoñer dunha vivenda en todo o territorio nacional (non será de aplicación no caso de sentenza xudicial de separación ou divorcio). O prazo de ocupación non será superior aos 4 meses.